ESTE É O NOSO COMEZO...


    No ano 1991, nunhas xornadas celebradas na Casa dos Veciños do Couto (Ponteceso) onde se reuniron políticos, médicos, traballadores sociais  e minusválidos xurde a necesidade de que persoas con minusvalía estean asociadas para así poder reivindica-las necesidades existentes no medio rural deste colectivo.

    No mes de xaneiro de 1992 faise unha reunión de persoas con minusvalía dos Concellos de Ponteceso e Cabana. A consecuencia destas  deciden que é necesario a creación dunha Asociación que os represente. Tendo claro que a asociación só é un representante legal de todas aquelas persoas que teñen unha minusvalía.

    O día 1 de febreiro de 1992, convócase a Primeira Asamblea Xeral de Socios, (cunha asistencia de 23 afectados) onde se crea unha Xunta Xestora  para realiza-los trámites de constitución dunha asociación que levará por nome “Asociación de Minusválidos “Ponte-Cabana”, saíndo elixida a primeira Xunta Directiva :

        Presidente. Adolfo López Baña,
        Vicepresidente. Silvestre Couto Torrado,
        Tesoureiro. Santiago Villar Fariña,
        Secretaria. Ángeles Mira Sande,
        Vocais.Manuel Vigueret Castro.
                    Jesús Antonio Vidal Saleta
                    María José Cousillas Maneira,

    O obxectivo principal foi a mellora social dos minusválidos no medio rural , e a información á sociedade sobre a prevención de minusvalías.

    Os comezos non foron fáciles pois non se contaba con local propio nin con axudas económicas dos organismos oficiais.

    Facíanse as reunións no Restaurante A Pesqueira (Ponteceso) cedido desinteresadamente. Alí tratábanse temas de diverso interese para a Asociación (barreiras arquitectónicas e sociais nos concellos...).

    O 6 de marzo de 1992 queda inscrita a asociación no Rexistro do Goberno Civil da  Coruña.

    As primeiras actividades para acada-los obxectivos da asociación foi  o Festival PONTE MODACABANA MODA celebrado durante tres anos consecutivos desde 1993 (o primeiro ano na Discoteca A Vieira de Ponteceso e logo no Pavillón Polideportivo de Cabana de Bergantiños)e no que participaban os empresarios da zona e os minusválidos da Asociación, para recaudar fondos.

    A partir do ano 1992 empézanse a desesenvolve-las campañas de PREVENCIÓN das lesións medulares. A primeira é levada á cabo polos membros da Asociación nos Concellos de Ponteceso e Cabana, posteriormente  realízanse nos 17 concellos.repartindo dípticos e carteis nos locais de movida nocturna da zona e concienciando ós mozos dos posibles riscos que trae  unha lesión medular. Estas campañas son realizadas  ano tras ano nestes lugares.

    Tamén se levan á cabo excursións e cursos de formación como o de informática, fotografía... entre outros.

    Integrados na Asociación fórmanse dous Clubes Deportivos; baloncesto Ponte-Cabana e Xadrez Ponte-Cabana que aínda seguen constituídos hoxe en día participando nas competicións das distintas federacións.

    No ano 1996, o Concello de Cabana de Bergantiños a través do alcalde D. Manuel Fariña cédennos un local anexo ó Pavillón Polideportivo de Cabana de Bergantiños (Local Social ). Unha vez establecidos nos novos locais e ante a demanda de actividades por minusválidos doutros concellos e comarcas, a Asociación vese ante a obriga de cambiar de nome pois os novos socios non se ven reflexados no de Ponte-Cabana. De aí que a Xunta Directiva, e logo en asamblea xeral de socios, se decidise pasar de Asociación de Minusválidos Ponte-Cabana a INTEGRO (Asociación de minusválidos das comarcas de Bergantiños, Fisterra , Terra de Soneira e Xallas).

    Unha das adquisicións da asociación foi a compra de un furgón adaptado, no ano 1998, subvencionado pola  FUNDACIÓN ONCE, DIPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA e CONCELLOS DE PONTECESO E CABANA DE BERGANTIÑOS, cos que máis tarde se leva á cabo un convenio de servicios de transporte adaptado para persoas con minusválidas.

    Outro dos Proxectos importantes foi a creación do Grupo Xuvenil ,no ano 1998. O obxectivo da creación do grupo era  conseguir unha independencia familiar tanto por parte do discapacitado, como por parte dos seus proxenitores. Hoxe en día, despois de tres anos, o grupo está consolidado . Fanse saídas cada quince días e as actividades que se levan á cabo son obradoiros, excursións, etc.

    En 1998, debido ó grande volume de traballo levado pola Asociación vese a necesidade de crear un Centro de Rehabilitación Integral. Nun primeiro lugar o alcalde , naquel momento, Don Manuel Barral Castro fai as debidas xestións para a cesión duns terreos na parroquia de Nantón . No ano 1999, convócase unha xuntanza co alcalde Don Manuel Fariña Suárez, cos veciños de Nantón, onde se produce o acordo de cesión de ditos terreos.

    A partir de aquí conséguense unha serie de subvencións dos seguintes organismos ;

  • Asociación Neria (Proxecto europeo LEADER II),
  • Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude.
  • Fundación ONCE (Plan de Prioridades)
  • Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais  (052 do IRPF).

    Neste Centro temos pensado ubicar oficinas e talleres para esta Asociación, o Centro Especial de Emprego INTEGRO XARDINERÍA E MEDIO AMBIENTE e S.L. COGAMI..

    Unha das inquedanzas desta Asociación é o emprego das persoas con minusválía. Plantéxase a creación de postos de traballo na empresa ordinaria e en centros especiais de emprego.

    Como consecuencia do Estudio da poboación minusválida, no ano 1997, realizado no territorio de Neria e Bergantiños existe unha demanda de creación de emprego por parte deste colectivo, onde unha alternativa laboral neste medio rural, son os labores de horta e xardinería. A partir dese momento solicítanse dous cursos a Fundosa Social Consulting (FSC) de Xardinería que se realizan nos terreos cedidos por un veciño de Zas no Allo. No ano 2000 solicítase un curso FIP á Consellería de Familia onde participaron quince alumnos dos cales sete pasaron a formar parte da empresa INTEGRO XARDINERÍA E MEDIO AMBIENTE, S.L.. Actualmente, esta empresa conta con doce traballadores dos cales dez son persoas minusválidas.

    Esperamos que o noso traballo estea ó gusto de todos e queremos darlle as gracias a todas aquelas institucións, persoas... que fan que o noso labor cada día sexa máis doado e que intentan que as nosas forzas non se esvaezan : VAI POR VÓS.